A CIDADE EN REDE POLICÉNTRICA UBICADA NUN GRANDE XARDÍN

miércoles, 3 de junio de 2009
Moitas veces aparece o debate de cal é o futuro da ordenación territorial de Galicia. A realidade é que temos unha poboación cada vez máis envellecida que apenas crece, de feito somos a terceira Comunidade de España que menos crece en termos de poboación. Como sempre se soe dicir, a mellor maneira de introducir cambios significativos é aproveitar épocas de crise, como os que estamos a vivir actualmente.

Nesta ocasión interesaríame introducir un modelo de organización territorial de cidades e pobos bastante distante dos modelos tradicionais, baseados en concepcións economistas, como os modelos centro-periferia. Esta visión que trato de achegar é a plasmada por Carlos Ferrás Sexto no seu artigo “Un ideario de cidade policéntrica ubicada nun grande xardín. O caso da eurorexión Galicia-Norte de Portugal”. En resumo este ideario basearíase en crear un modelo de desenvolvemento territorial desconcentrado formado por asentamentos de non máis de 50.000 habitantes, onde se harmonice o campo e a cidade. A idea é modernizar o vello concepto de Cidade Xardín (City Garden), creando unha rede polifuncional, ben comunicada que aprobeite os fluxos de información a través das novas tecnoloxías, para o espazo eurorexional de Galicia e o Norte de Portugal. A idea sería propoñer un modelo de crecemento diferente ao que promove o crecemento do corredor Atlántico e o deserto demográfico e económico do interior. O modelo pasa por aproveitar o noso feito cultural común fronte ao exterior, facendo valer a riqueza do noso sistema de asentamentos e a nosa singular forma de habitar o territorio.

O ideario da cidade ubicada nun xardín non é máis que unha cidade aberta, polinuclear de ámbito eurorrexional, emprazada nun medio ambiente natural, coidado como un verdadeiro xardín (cidade ecolóxica ou Cidade Xardín). Porque falar de este modelo de cidade neste momento? Pois porque o avance tecnolóxico actual permite falar dun desenvolvemento económico non condicionado polos accidentes xeográficos. As industrias da información vinculadas aos sectores tecnolóxicos avanzados non se ven afectadas polas distancias xeográficas ou polo estado das infraestruturas de comunicación. Isto permite abandonar o modelo de asentamentos creado polo modelo industrial clásico que prima o centro fronte a periferia, creando importantes desigualdades de crecemento entre o norte (areas desenvoltas) e a periferia (areas menos desenvoltas e máis agrarias). A creación de redes policéntricas con asentamentos de poboación non moi numerosa pode ser unha oportunidade para os espazos periféricos, de hábitat desconcentrado, como pode ser o caso galego e o do norte de Portugal.

Os avances nas comunicacións permiten as familias residir en espazos separados dos lugares de traballo, nos que poden ter unha mellor calidade de vida, nun medio máis en contacto coa natureza e con ambientes con menos estres que as grandes cidades actuais. Isto permitiría que rexións periféricas, actualmente illadas, puidesen perder esa condición de espazos marxinais podendo establecerse en núcleos alternativos ás grandes cidades.

A cidade xardín é un modelo xa tradicional (xa adiantada por Robert Owen na primeira metade do s. XIX e Ebennezer Howard a principios do s.XX). Incluso o galeguismo histórico tamén adiantaron a idea da Cidade Xardín, dende Otero Pedrayo ata Castelao. A Cidade Xardín trata de compatibilizar o rural co urbano, un desenvolvemento rural afastado das labores do campo e o desenvolvemento urbano que compatibilice o traballo agrario e o non agrario. Tradicionalmente os espazos rurais caracterizaron por economías agrícolas-ganadeiras, presión demográfica sobre a terra, espazos verdes, subsistencia e policultivo. O século XX trouxo consigo importantes cambios nas economías e unha serie de reformas que afectaron aos espazos rurais e urbanos. Así produciuse un desenvolvemento industrial acompañado dun éxodo do campo a cidade e do desenvolvemento de sistemas agrarios intensivos e baseados no monocultivo. O sistema económico tiña grandes estímulos cara a concentración da actividade e da poboación nas cidades, e polo tanto para o abandono do rural. Isto xerou que en Galicia o crecemento concentrárase no corredor Atlántico (a rede de cidades que se establecen entorno á autopista que comunica Ferrol con Porto), fronte un interior cada vez máis pobre e abandonado. Esta tendencia non é capaz de ser freada polos responsables da planificación territorial (concellos nun primeiro termo e un segundo plano as comarcas a pesar das súa deficiencias en canto a capacidade xurídica-política)

O modelo policéntrico que propón Carlos Ferrás é unha alternativa a concentración nas cidades, potenciando o hábitat tradicional autóctono mediante un sistema ben comunicado de pequenas e medianas cidades no que se favorezan ao máximo todo tipo de intercambio a todos os niveis. As tecnoloxías da sociedade da información facilitarían moito que as familias puidesen ocupar o espazo onde sempre viviron desprazándose cando faga falta as vilas para realizar o seu traballo. Incluso fomentaría que moitas familias elixisen o rural como primeira opción para establecer a súa residencia.

Esta claro que deixar a maior parte do territorio como un territorio abandonado non é lóxico nin dende o punto de vista económico, nin dende o punto de vista social. O crecemento de Galicia pasa non só por fomentar o desenvolvemento das cidades, senón tamén por aplicar novos modelos de desenvolvemento rural-urbano e modernización ecolóxica que impulsen a diversificación socioeconómica do campo, respecten o medio ambiente e fixen poboación nestes espazos rurais incrementando así o benestar social. O obxectivo é facer chegar á poboación do rural que vivir no campo ten tantas ou máis oportunidades que vivir na gran cidade.

Hasta aquí a presentación de este ideario. Non sei que pensades do tema, se o vedes real ou se creedes que é pura utopía. Eu persoalmente considero este modelo como unha alternativa ao modelo actual. Polo menos gustaríame que algunha vez puidésemos ver unha Galicia como a que se propón neste modelo. Os anos dirán, pero cuestionarse o modelo actual pode ser o primeiro paso.

Fonte: Ferrás Sexto, C. (2006): "Un ideario de cidade policéntrica ubicada nun grande xardín. O caso da eurorexión Galicia-Norte de Portugal", Revista de Estudos Euro[Regionais] Rexionais, nº1, Ano 1º, páx. 27-38

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Una visión muy interesante y tambien muy propia de los socialistas utópicos del s.XIX. La verdad es que nunca pense que una alternativa aparentemente tan "antigua" como esta podría terner aplicación para el caso actual gallego. De todas formas soy bastante pesimista en cuantoa su aplicación real sobre todo en una Economía donde cada vez más son los partidarios del paradigma centro-periferia (solo hay que pensar que el actual premio nobel de Economía es un defensor a ultranza de esta visión).
De todos modos es una alternativa interesante.

ROBERTO VARELA VÁZQUEZ dijo...

Certo é que a realidade esta máis proxima a un modelo de planificación territorial concentrado entorno ao corredor Atlántico, sendo o resto do territorio galego practicamente un deserto en termos de poboación (algo que está máis próximo aos principios das teorías centro-periferia).

Pero temos que preguntarnos se este é o modelo que realmente queremos para Galicia. Pode que o modelo policéntrico teña algo de utópico, pero as veces os soños convértense en realidade. Antes de iniciar o camiño hai que imaxinarse como vai a ser.

Publicar un comentario