A MILAGRE IRLANDESA: EXPERIENCIAS TIC EN ESPAZOS RURAIS E URBANOS

lunes, 22 de junio de 2009
Continuamos falando de Irlanda. Moitas veces oimos falar da milagre irlandesa. Como unha rexión das máis marxinais da UE converteuse nunha das rexión máis ricas e prosperas. Ben é certo que actualmente están a pasar unha serie de apuros económicos derivados da crise financeira global, pero non temos porque botar por terra todo o traballo feito ata o momento, que permitiu un cambio total na economía e na sociedade irlandesa.

Concretamente estamos a falar do gran traballo que fixo a sociedade irlandesa na introdución das TIC en todo o seu territorio, que lle fixo converterse na area europea onde existe unha maior implantación das TIC. Seguindo o artigo de Xosé Carlos Macía Arce titulado “ La Sociedad de la Información en Irlanda a través del análisis de experiencias TIC en los condados de Clare, Cork, Kerry, Limerick, Offaly y Tipperary” imos a centrarnos en ver 3 exemplos da labor dos organismos públicos e privados na introdución das TIC en espazos rurais e urbanos do seu territorio. Concretamente comentaremos os casos de Ennis, a rexión de Shanon e do Northside de Cork.

1. ENNIS: A experiencia do Information Age Town

A experiencia desta vila comeza en 1996 cando Telecom Eireann (empresa de telecomunicacións Irlandesa) convoca o concurso a nivel nacional do Information Age Town. Esta iniciativa dotada con 19 millóns de premio pretendía introducir de forma intensiva as TIC nunha comunidade, observar o uso da mesma por parte da poboación e comprobar o nivel de desenvolvemento económico e social alcanzado como consecuencia de dita iniciativa.

O pobo elixido foi Ennis situado no condado de Clare. Este pobo caracterizado pola porcentaxe tan elevada de xente nova na súa estrutura (o 70% da súa poboación estaba por debaixo dos 45 anos) e co maior crecemento económico no contexto nacional,converteuse en pouco tempo no pobo de Irlanda máis informatizado, un 80% da súa poboación usuaria de Internet.

Durante 5 anos desenvolvéronse en Ennis unha serie de proxectos relacionados coas TIC en beneficio da comunidade, que afectaban tanto a poboación da cidade, as administración públicas e as empresas privadas. Deste xeito desenvolvéronse 8 unidades de traballo cada unha cun obxectivo. Estas unidades de traballo foron:
  • Programa Residentes: O obxectivo era o de concienciar á poboación local da importancia das TIC e formalos no seu uso. Tamén se concederon facilidades aos cidadáns na compra de ordenadores, adquisición de software e conexión telefónica a Internet.
  • Programa Negocios: Tratou de concienciar ao tecido empresarial e comercial da cidade das oportunidades das TIC. Deste xeito subvencionouse a compra de software e hardware, deuse información, consellos e consultoría TIC, realizouse formación en novas tecnoloxías… Como resultado en Agosto do 2000 había 43 empresas inscritas neste programa.
  • Programa Comunidade: O que priorizaba era a participación activa, o traballo de cooperación en rede e a inclusión social dos cidadáns a través das TIC. Participaron máis de 100 organizacións comunitarias e de voluntariado as cales puideron aplicar as TIC no seu traballo diario na comunidade.
  • Programa Educación: Tratou de incluír as TIC nos procesos formativos que se daban dentro da cidade de Ennis, empregando as TIC como ferramentas fundamentais da formación diaria.
  • Programa Sector Público: Levou as TIC aos procesos de xestión e de traballo da Administración Pública de Ennis, co obxetivo de facer os tramites dos cidadáns coa Administración máis efectivos, regulares e interactivos.
  • Programa Nova Industria: O obxectivo era promocionar Ennis como un lugar ideal para a localización de industrias relacionadas coas novas tecnoloxías.
  • Programa Experiencias Tecnolóxicas: Tratou de converter a Ennis nun centro de referencia onde levar a cabo experiencias relacionadas coas TIC.
  • Programa Internet: Creouse a web www.ennis.ie que pretendeu ser o centro de referencia e punto de encontro de toda a comunidade de Ennis. Tratou de ser o resumo de todos os proxectos emprendidos ademais de ser a mellor publicidade do cambio iniciado na vila.

2. REXIÓN DE SHANON: Proxecto de localización de empresas tecnolóxicas.

Na rexión de Shanon, caracterizada por ter un sector empresarial moi dinámico, emprendeuse unha iniciativa que pretendía fomentar a instalación de empresas de alta tecnoloxía en dita rexión (que comprendía distintos condados do medio oeste do irlandés).

O proxecto foi levado a cabo polo Shanon Development (institución dedicada ao desenvolvemento rexional e económico). Esta iniciativa fixo que se instalaran grandes compañías informáticas como Intel o Dell. O Shanon Development soubo aproveitar as sinerxias de programas de desenvolvemento das TIC no territorio como foi o Programa Nova Industria do Information Age Town de Ennis.

Paralelamente tamén se melloraron as infraestruturas da información existentes. Deste xeito creáronse unha serie de parques tecnolóxicos por toda a rexión, conectando a través da fibra óptica de gran capacidade estes nodos tecnolóxicos cos centros educativos superiores.

A difusión deste programa non só se fixo en Irlanda senón que tamén se estableceron oficinas permanentes de información noutros países como USA (New York e California). Ademais tamén se contou coa difusión a través do portal www.shanon-dev.ie .


3. NORTHSIDE CORK: A cultura popular irlandesa en Internet

En 1996 unha iniciativa conxunta dunha serie de institución educativas, etnolóxicas e históricas da localidade de Cork (máis concretamente do Northside of Cork), uníronse para recoller, expoñer e arquivar dixitalmente material audiovisual, sonoro, fotográfico, físico e virtual do Northside de Cork, un area tradicionalmente pobre da cidade de Cork. O programa tivo dúas vertentes. Por unha parte recoller material para enriquecer o arquivo histórico e etnográfico de Cork. Pero por outra parte tivo unha labor de acción social, xa que o programa contou co traballo de equipos de voluntarios e empregados da comunidade local, especialmente procedentes de colectivos marxinados polo mercado laboral.

O proxecto xuntou nunha mesma iniciativa o desenvolvemento social e económico da sociedade local, a cultura popular e a utilización das TIC.

Con estes tres exemplos de programas relacionados co uso das TIC vemos como Irlanda soubo camiñar cara posicións máis avanzadas que favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio. Algo importante que se observa nestes exemplos de iniciativas TIC é a importancia que teñen no seu desenvolvemento o traballo participativo e colaborativo de todos os estamentos da sociedade civil. Estes programas de acción e outros moitos supuxeron que Irlanda pasara de ser unha das rexións máis deprimidas da UE, a encabezar todas as estatísticas de desenvolvemento económico da eurorexión.

Fonte: Macía Arce, X.C. (2007): "La Sociedad de la Información en Irlanda a través del análisis de experiencias TIC en los condados de Clare, Cork, Kerry, Limerick, Offaly y Tipperary”, Aurora Geography Journal, Nº1, páx. 109-121.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Por que non podemos pensar en proxectos semellantes en Galicia? non temos emprendedores? ou será que estamos todos moi ocupados? a saber con que? E os nosos políticos non podían viaxar un pouquiño? Parabéns polo blog, moi interesante...

ROBERTO VARELA VÁZQUEZ dijo...

Emprendedores galegos hainos e moi bos. O problema é que Galicia e Irlanda a pesar de partir dunha historia pasada moi parecida, nas ultimas decadas os camiños de ambos pobos alonxaronse. En Irlanda creouse un entorno que permitiu a entrada de compañías especializadas en tecnoloxía, xa que crearon as condicións necesarias para a súa implantación. Este foi o modelo polo que apostou Irlanda.

En cambio, cal é o modelo polo que apostou Galicia??? Difícil pregunta. Creo que a planificación en Galicia foi moi deficiente e parte do noso atraso histórico débese a esta falta de planificación. Aínda así temos cousas moi positivas nas que centrarnos e que poden ser o xermolo dun novo rexurdir da nosa cultura e economía. Este é un traballo de tod@s, tanto de politicos como dos cidadáns. Creo que máis que nunca as condicións necesarias para este despegue están presentes, só hai que empregalas.

Publicar un comentario