O MINIFUNDIO COMO ALTERNATIVA DE DESENVOLVEMENTO DO RURAL GALEGO

lunes, 22 de junio de 2009
Nesta ocasión pretendo falar un neste blog dunha alternativa posible para o desenvolvemento economico, social e cultural das areas rurais de Galicia. Concretamente gustaríame comentar o artigo “La agricultura familiar sostenible en sistemas minifundistas. Estudio decasos comparados en Galicia e Irlanda” de Carlos Ferrás e outros, que fala da concepción tradicional minifundista e pluriactividade do campo galego como a opción máis razoable económica, social e culturalmente falando.

O estudo fala do ambiente económico, social e cultural das explotación familiares agrogandeiras pondo como referencia os casos galego e irlandés. En ambos casos pode verse o troco social e o proceso de transformación agrario que viviron e viven ambos territorios. Os modelos comparados son os das explotacións vinculadas á cooperativa Feiraco en Galicia e aquelas que o están á Cooperativa Drinagh en Irlanda. Ambos casos teñen rasgos semellantes que fan deles un caso de comparación interesante. Entre eles a topografía de media montaña, accidentadas con vales de ríos e regatos e cun predominio de montes, prados e pastos.

En ambos casos evidenciase un cambio social e un proceso de transformación agraria .No caso galego, as explotación céntranse na comarca da Barcala. Nelas iniciouse a concentración parcelaria a finais dos 50. En Irlanda, no condado de Cork, dita concentración xa se fixo a comezos do século XX.

En ambas a mecanización dos traballos, a redución demográfica e o fluxo migratorio cara as cidades foi moi evidente. Nos dous exemplos iniciáronse procesos de modernización tendo como referente a idea predominante de que a agricultura tradicional é sinónimo de atraso tanto económico como cultural ou social. No caso irlandés foi máis evidente pois o proceso ao iniciarse xa fai máis tempo conseguiu acabar case por completo coa tradición agrogandieira tradicional, mentres que en Galicia o proceso ao iniciarse moito máis tarde fai que moitas das características tradicionais aínda se conservan ou a lo mesmos non se ven tan distanciadas no tempo.

Este cambio de tendencia na concepción das explotación agrogandeiras tradicionais vese reflectida na propia literatura académica. Nos estudos ata moi avanzado o século XX consideraban o minifundio de explotación familiar como unha formula económica insuficiente e que obstaculizaba a modernización do campo. O minifundio non encaixaba coa concepción dunha agricultura capitalista industrial. Neste senso os esforzos por promover a concentración parcelaria, a urbanización do campo e o desenvolvemento industrial eran o credo case único da doutrina. Pero na actualidade, dita doutrina xa non é a única. Avanza cada vez con máis forza unha concepción sostible do agro. Defendese a posta en valor do patrimonio vinculada ao turismo cultural e rural, a gandería e agricultura ecolóxica fronte a extensiva e unha idea de vida en harmonía coa contorna.

Na actualidade a pervivencia da explotación agraria familiar tradicional defínese dunha maneira positiva como un estilo de vida que conseguiu adaptar o agro cun modelo postproductivista e multifuncional á modernidade entendida dende unha perspectiva do desenvolvemento sostible. A idea non é producir máis senón producir o suficiente e con calidade. Toda este prantexamento está en consonancia cos postulados da PAC (política agraria común europea), que está a defender pluralidade de cultivos, a agricultura ecolóxica, a utilización de abonos orgánicos e o mantemento da contorna urbanística rural tradicional.

No caso de Irlanda a modernización agraria deu como resultado a desaparición do concepto de agro tradicional pasando a un sistema agrario familiar netamente capitalista, monofuncional e mecanizado especializado na produción de leite en grandes extensión debido a completa concentración parcelaria e ao ordenamento dos núcleos rurais. Ese proceso produciu un gran proceso de emigración cara as cidades e incluso fora do pais (a Inglaterra e a EEUU), deixando territorio case despoboado. En Galicia, a pesar dos notables cambios constatados non últimos 30 anos (modernización, avance cara unha agricultura comercial fronte a de subsistencia) ao producirse moito máis preto no tempo non chegou a substituír completamente a idea de agro tradicional. Un modelo de agro economicamente sostible onde o minifundio (entendido como sistema de agricultura familiar de pequenos e medianos propietarios) segue a ser o eixe dun estilo de vida con características propias fronte a uniformidade.

Tralo estudo chégase a conclusión que tanto en Galicia como en Irlanda as familia agrarias vinculadas a estas cooperativas viven satisfeitas no ámbito rural e consideran que a súa situación económica e boa. No lado positivo ambas valoran en grado alto as políticas agrarias orientadas á produción, a concentración parcelaria, o sistema de cotas lácteas e as medidas de reproboación forestal.

Pero non todo son datos positivos pois saen a luz certos problemas. No caso de Feiraco e notable o envellecemento da poboación rural, o choque xeneracional, o parón no mercado das terras, a baixa cualificación, o desinterés dos mozos polo agro e a excesiva parcelación das terras. No caso de Drinagh pódese apreciar un menor envellecemento da poboación e maior implicación da mocidade que en Galicia. No caso de Irlanda as maiores pegas expresadas están na excesiva especialización na produción de leite o que provoca que estean a nas mans das variacións e evolución do difícil mercado do leite.

Respecto da cualificación tecnolóxica e das inversións a diferenza fundamental e que en Feiraco as familias produtoras empéñanse en mercar maquimaria cada vez máis moderna, pero non mostran un interés paralelo en cualificarse profesionalmente mentres que en Irlanda non acontece así e non existe ese pulo desmedido por investir en maquinaria e á inversión en cualificación dáselle máis importancia.

Outros aspectos de diferenza son:
  • O grao de concentración parcelaria que en Irlanda é moito maior mentres en Galicia inda se está a desenvolver.
  • A práctica do autoconsumo asociada ao policultivo tradicional que aínda está moi estendida en Galicia e completamente desaparecida en Irlanda.
  • En Galicia unha porcentaxe moi alta da familias do agro reciben ingresos procedentes de pensións ou subsidios (68%) mentres que en Irlanda apenas o 20%.
  • En Irlanda a maioría dos fogares contan con persoal asalariado fora da explotación (53% fronte ao 20 en Galicia).
  • Entre os cooperativistas de Feiraco case todos contan con propiedades forestais (90%) mentres na zona estudada de Irlanda son as menos.
Na organización interna das familias no traballo tamén hai diferenzas. Mentres en Galicia e moito maior a porcentaxe de homes cabeza de familia que traballan fora da explotación (50%) en Irlanda so son un 5% e de forma paralela nas explotación familiares cooperativistas de Feiraco as mulleres cabeza de familia traballan case en exclusiva na explotación (un 96%) fronte a un 58% en Irlanda e as que non son cabeza de familia en Galicia traballan case todas na casa e se ocupan dos seus fillos en exclusiva (96%) mentres na zona de Irlanda estudada só o 66%.

Hai que ter en conta que se ano atrás o modelo agrario de Irlanda era o referente máis cercano pra a modernización do campo galego, actualmente os propios irlandeses miran a Galicia con interese pola súa capacidade de manter un sistema tradicional de pulicultivo e minifundio que parece estar máis en consonancia coas novas tendencias de produción agraria que se estan a promover dende Europa. Esperemenos que esta vez non chegemos tarde coma de costumbre e sepamos aprobeitar o legado que nos deixaron as xeracións anteriores

Fonte: Ferrás Sexto, C., Macía Arce, X.C., García Vázquez, Y., Armas Quintá, F.X. (2007): "La agricultura familiar sostenible en sistemas minifundistas. Estudio de casos comparados en Galicia e Irlanda", Revista de Estudios sobre Despoblación y Desarrollo Rural, nº6, páx. 101-128

0 comentarios:

Publicar un comentario