Mostrando entradas con la etiqueta Santiago de Compostela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Santiago de Compostela. Mostrar todas las entradas

AS TIC NO MARKETING DOS TERRITORIOS. O CASO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA: ÉXITO OU FRACASO?

viernes, 24 de abril de 2009
As TIC’s e a cultura audiovisual ofrece nos nosos tempos unha boa oportunidade para publicitar as bondades dunha cidade. Trátase dun novo marketing urbano que emprega estas novas ferramentas como instrumento para difundir os bens culturais, históricos, artísticos, paisaxísticos… da cidade.

Neste contexto, a cultura tómase cada vez máis como un recurso económico (bens culturais son entendidos como bens económicos) que permite atraer turistas, e polo tanto fomentar o desenvolvemento económico da cidade destino destes fluxos. A relación entre cultura e economía é cada vez máis importante, e isto a Internet non lle é alleo. O marketing cultural pretende promover un determinado territorio, satisfacendo as demandas dos cidadáns, turistas e inversores potenciais, intentando de xerar beneficios e vantaxes para a poboación local. Atopámonos ante a administración empresarial do conxunto de coñecementos científicos, literarios, artísticos e económicos dun territorio.

En todo este proceso de promoción da cultura dunha cidade, o papel desenvolto polas TIC’s é importantísimo. Se noutros tempos Internet foi un elemento de comunicación militar, máis tarde científica e posteriormente económica, actualmente cada vez máis é un vehículo de comunicación cultural. De todos xeitos, este marketing cultural vía Internet non está libre de problemáticas e críticas. Moitos pensan que esta vertente cultural de Internet, máis que unha forma de difusión cultural, é unha imposición política-ideolóxica dos planificadores políticos. Outra critica feita a este marketing urbano é limitación de acceso só a unha minoría privilexiada dentro da poboación mundial, quedando fora aquelas áreas máis pobres (discriminación tecnolóxica), o que fai de Internet unha ferramenta útil aínda que non universal.

Sexa como sexa, Internet hoxe en día é unha porta aberta que permite acceder a información e entre ela á cultural desde calquera sitio sen ter en conta as barreiras físicas e xeográficas. Está difusión do patrimonio cultural dun territorio actualmente é de suma importancia para a atracción de recursos económicos, tecnolóxicos, financeiros e humanos.

Dentro desta visión de promoción vía Internet das cidades como podemos valorar a posición de Santiago de Compostela? A imaxe de Santiago está moi ligada ao seu patrimonio histórico, ademais da tradición do Camiño de Santiago e da Universidade. Isto fai de Santiago unha cidade cun patrimonio histórico-cultural explotable dende o punto de vista turístico, o que aporta uns 10 millóns de turistas nos Anos Santos. Se tradicionalmente a imaxe de Santiago estivo vinculada a relixión e a Universidade, dende as institucións políticas, cada vez máis, estase a fomentar a idea de Santiago como Capital Cultural, co obxectivo básico de seguir atraendo turistas.

A consecuencia é que a política de conservación e rehabilitación do Concello esta enfocada a esta idea de promoción cultural de Santiago. Esta política esta desenvolta polo Consorcio no que interveñen as tres grandes institución territoriais con intereses en Compostela (Estado, Autonomía e Concello). Deste xeito, Santiago nos últimos anos foi dotada de infraestruturas (periférico, aeroporto, Palacio de Congresos, Museo de Arte Contemporáneo, proxecto da Cidade da Cultura…). Tamén se realizou unha importante labor de creación de novos edificios e espazos deseñados por importantes arquitectos (Facultade de Xornalismo, Auditorio de Galicia, CGAC, Cidade da Cultura…), á vez que se prestou moita atención a rehabilitación dos edificios emblemáticos da cidade (Catedral e Zona Vella). Todo isto tivo por obxectivo xerar unha idea de Santiago como cidade onde convive o antigo e a tradición coa modernidade (imaxe explotada nas comunicacións publicitarias da cidade).

Pero parece que en toda esta imaxe cara ao exterior de Santiago existen partes da cidade esquecidas como o Ensanche, areas rurais metropolitanas, barrios periféricos… Estas zonas parece que se tratan de ocultar ao potencial turista e que polo tanto tamén son apartadas de calquera inversión en mellora e acondicionamento. Na imaxe de marca de Santiago como cidade cultural, cosmopolita, aberta, universitaria, moderna e contemporánea, onde convive a tradición coa modernidade, non encaixa nin o rural nin a periferia, que quedan aillados do desenvolvemento económico que pode chegar a traer consigo o turismo. É como se os fluxos turísticos , e polo tanto tamén económicos, que Santiago capta do exterior, non se traducen nun crecemento homoxéneo en todas as partes da cidade. De igual modo, a imaxe cultural de Santiago (arte, edificios, museos, Camiño de Santiago…) tamén deixa de lado a captación de intereses económico-industrial e o educativo (sobre todo tendo en conta a tradición da USC).

Cal e a consecuencia de crear unha imaxe de marca que esquece partes importantes para o crecemento da cidade? Pois que a pesar de ser unha das cidades de España que máis fluxos turísticos capta, Santiago segue tendo unha bolsa de paro continua similar a outros concellos Galegos de similares características, pero que non teñen nin de lonxe a cantidade de turistas de Santiago.

Esta claro que publicitar un territorio pode xerar importantes beneficios para a cidade que realiza dita promoción, pero é importante deseñar campañas de maneira equilibrada, para que o crecemento que poidan xerar os fluxos económicos da promoción se transmitan de maneira homoxénea entre todas as capas da cidade, xerando un crecemento equilibrado para a cidade e os seus cidadáns.

A CIDADE DA CULTURA: O FUTURO DA CIDADE?

viernes, 17 de abril de 2009
Outra entrada máis e outra entrada dedicada a Santiago de Compostela.

Para @s que vivimos en Santiago o tema da Cidade da Cultura non nós é algo axeno. Tod@s sabemos o que estamos a facer no monte Gaias, pero pouc@s saben cal é o obxectivo final de esa megaconstrución. Se fixésemos unha enquisa entre os cidadáns de Santiago seguramente a opinión que teríamos de este proxecto faraónico non sería moi bo. Pero como din "para gustos hai cores" e parece que a visión que sobre a cidade da cultura varia se saímos das nosas fronteiras

Déixovos un documental sobre a Cidade da Cultura, realizado por Discovery Chanel dentro do programa Mega-construcciones de Danny Foster. Polo menos este video podemos aportar unha visión diferente do que pode chegar a significar a Cidade da Cultura. Aí tedes a primeira parte do documental e os enlaces ás seguintes partes.

Será certo iso de que a Cidade da Cultura pode supor un empurrón a unha das zonas máis deprimidas de Europa ou vaise quedar nunha vergoña custosa ??? Todo dependerá de que o proxecto teña un contido detrás dunha bonita forma arquitectónica. O tempo dirá.

A PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Moitos falan das marabillas da cidade de Santiago de Compostela. Incluso a cidade aparece dentro dos rankings de cidades con mellor calidade de vida. Pero, cal e o futuro que nos espera ás persoas que temos o pracer de gozar desta histórica cidade.

Seguindo co tema da planificación estratéxica das cidades, podemos preguntarnos que se está a facer en Santiago respecto a este tema. Tradicionalmente a planificación urbana de Santiago foi marcada dende as Institucións Públicas, as cales parece que tiveron clara a visión da cidade que querían acadar. Neste sentido xogou un papel moi destacado a figura de Xerardo Estevez, como o alcade/arquitecto que estableceu un proxecto de cidade do cal aínda estamos a ver os resultados. Neste senso poucas son as críticas que podemos facer á planificación urbana de Santiago nos últimos anos. De todos xeitos, os acertos pasados non son seguro de acertos futuros, algo a ter moi en conta cando falamos de políticos.

Pero ata que punto deixar a planificación en mans de intereses políticos é bo para o desenvolvemento da cidade? As institucións políticas ao fin e ao cabo teñen como obxectivo manterse no cargo que ocupan, polo que nas súas decisións sobre a cidade poden estar sesgadas por esta interese electoralista. Ademais estar desempeñando un cargo público non asegura coñecer os problemas reais da cidade. Por estas razóns e outras máis é polo que naceu o concepto de planificación estratéxica, como un modelo de planificación no que o futuro da cidade é decidido por tod@s os axentes implicados na vida da cidade.

Como tal, Santiago non ten un Plan Estratéxico definitivo. Nos últimos anos estívose traballando na elaboración dun plan estratéxico como os que se están a realizar noutras cidades. De todas formas o caso de Santiago é complicado xa que o crecemento da cidade esta moi ligado a aspectos que se escapan das atribucións do Concello (o turismo do Xacobeo, as Universidades, as administración da Xunta, a Igrexa…). De este xeito vemos como as veces tómanse decisións importantes para a cidade sen ter en conta as necesidades da cidade, máis ben respondendo a intereses partidistas (p.ex. A Cidade da Cultura).

Pese a todo, o Concello impulsou a elaboración dun Plan Estratéxico. O plan articulase ao redor de seis liñas estratéxicas e, dependendo de cada unha delas, cinco ou seis obxectivos. Todo isto en torno a un obxectivo central, que aposta por "facer de Compostela a porta de Galicia dinámica e innovadora; unha cidade aberta, de encontro, cun horizonte de desenvolvemento continuado e sostible, capaz de aportar á Capital de Galicia unha base económica sólida, diversificada e competitiva". Tamén creouse a figura dunha Comisión de Dirección do Plan Estratéxico como elemento coordinador de todo o proceso de elaboración do plan.

Estas accións do Concello en certa medida poden ser un bo comezo cara unha verdadeira planificación estratéxica do crecemento de Santiago de Compostela. Pero a pregunta que nos deberíamos facer é ata que punto está é un compromiso de futuro con Santiago ou se só é unha forma de non quedarse descolgado de outras cidades de España e Galicia que están iniciando os procesos de planificación estratéxica dos seus territorios

Sexa o que sexa o veremos nun futuro non moi largo. Esperemos que todo o que se traballe por parte dos axentes da cidade teña como resultado acadar unha cidade adaptada as necesidades de to@s cidadáns, fora de calquera partidismo ou interese individual.