Mostrando entradas con la etiqueta nueva economía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta nueva economía. Mostrar todas las entradas

WIKINOMICS: A NOVA ECONOMÍA DAS MULTITUDES INTELIXENTES

lunes, 20 de abril de 2009
Cambiando un pouco de temática, gustaríame falar dun libro que lin fai un tempo e que penso que polas cousas que di podería ser interesante falar un pouco del.

En concreto refírome a "Wikinomics: A nova economía das multitudes intelixentes" de Don Tapscott e Anthony D. Williams. O libro presenta un novo paradigma (wikinomía) tanto nas relacións económicas, como na colaboración entre os grupos humanos. Os autores presentan un novo modelo económico que vai máis ala dos criterios xerárquicos de mando tradicionais, onde todo o mundo está subordinado a outra persoa. A aparición das novas tecnoloxías da comunicación e da información impulsan a aparición de novos modelos de produción baseados na comunidade, na colaboración e na autoorganización. Parece que esta nova maneira de entender as relacións dentro das empresas pode xerar máis beneficios que manter un control férreo dos traballadores, clientes, provedores... Estes beneficios pasan por crear compañías inmersos en procesos continuos de mellora, redución de custos, actualización de datos sobre os consumidores...

O libro parte dun estudio previo realizado polos autores. Este estudio os levou a estar en contacto cun gran numero de persoas que aplicaron nos seus proxectos a vertente colaborativa que as novas tecnoloxías poden aportar. A conclusión é que hoxe miles de millóns de persoas traballando en liña poden participar na innovación, a creación de riqueza e o desenvolvemento social dun modo imposible noutras épocas anteriores. Esta colaboración global produce avances en aspectos moi diferentes como as artes, cultura, ciencia, educación, goberno e na propia economía.

Aspectos como o software libre, gobernanza 2.0, prosumidores (consumidores que participan na creación dos produtos finais), redes sociais... son temas que temos que ter presentes de hoxe en diante, xa que supoñen unha nova forma de entender as relacións interpersoas e polo tanto o funcionamento da economía. Exemplos de este novo paradigma hai moitos. O libro cita algúns como os casos como os de Youtube, Myspace, Wikipedia, Google, Flickr, Linux, Boeing, BMW, Procter & Gamble, Proyecto Genoma Humano..., nos que as empresas ábrense e entran a formar parte de redes sociais (con traballadores, usuarios, competidores, provedores...), establecendo estruturas de negocio baseadas en esquemas “bottom-up” en lugar do clásico “top-down”. As empresas democratízanse e tod@s os seus traballadores teñen algo que dicir na marcha da empresa. O resultado é un entorno baseado na transparencia da información, compartir os resultados das investigación e permitir a apropiación colectiva dos resultados. De feito, os autores resumen os principios de wikinomics en 4 puntos:

1. Apertura (being open)
2. Interación entre iguais (peering)
3. Compartir (sharing)
4. Actuar globalmente (acting globally)

A época do secretismo e hermetismo dentro das empresas parece que está rematando. Moitas empresas traballan en base a licencias abertas, sendo o máximo activo do seu negocio a capacidade de mellora do produto conseguida en base a colaboración en rede con clientes, traballadores, provedores... A pesar de que os autores tamén critican algúns aspectos destas empresas de nova xeración, deixan claro que estamos ante un novo sistema produtivo e polo tanto ante un cambio importante no modo de entender as relacións económicas.

Na miña opinión, o libro constitúese nunha excelente lectura para os que pensamos que poden existir outras maneiras máis participativas de facer as cousas. Casos de éxito existen, aínda que tamén coñecidos fracasos. Quen sabe se dentro duns anos as relacións económicas e produtivas van seguir o esquema proposto por estes autores. Mellor coñecelo o antes posible, non creedes???