O outro día lin un interesante artigo de Manuel Castells publicado fai tempo (21/05/2005), pero que penso que está totalmente de actualidade nestes días marcados por crises globais e pandemias planetarias. Concretamente, o artigo aparecía publicado na Vanguardia e falaba do renacer de movementos ideolóxicos como o anarquismo baixo o paraugas das novas tecnoloxías.Moita xente empeñouse en dar por morto o movemento anarquista por utópico ou por carecer de organización interna. Pero nos últimos anos este movemento parece gozar de mellor saúde que en ningunha época anterior. Só temos que botar unha ollada aos movementos contra a globalización capitalista, que mostran claras as súas simpatías cara as formas de autoorganización e oposición a calquera forma de Estado típicas do anarquismo. Aínda que vellos intelectuais de esquerda (sobre todo en Latino América) seguen empeñados en ensalzar antigos esquemas de loita social, a realidade é que moita da “xente de esquerdas” simpatiza máis con formas de loita máis expontáneas, autoorganizadas e abertas a un debate interno continuo. Así vemos exemplos como o do Foro Social Mundial de Porto Alegre, as teses políticas-sociais de Michael Hardt, Toni Negri, Noam Chomsky, Naomi Klein... que non son máis que mostras do apoxeo público de este tipo de ideas libertarias.
Esta claro que os sindicatos anarquistas e outro tipo de asociación de esta ideoloxía están en retroceso en número de afiliados, pero cunha ollada por Internet vemos que temas como as ideas antiestatistas, o internacionalismo libertario, a afirmación da liberdade individual e a libre asociación están de total actualidade en movementos sociais como a antiglobalización, o movemento okupa, os piqueteros arxentinos, os forajidos de Ecuador, os autónomos italianos, os mapuches chilenos…Pero, de onde proven esta nova forza e vitalidade do anarquismo do s.XXI en contraposición coa anclaxe do Marxismo no s.XX?
Pode ser que o anarquismo cando xurdiu fora unha ideoloxía moi adiantada ao contexto social no que apareceu. Os Estados Nación estaban comezando a andar como maneira de dar orde a todo o caos anterior. E precisamente as teses anarquistas enfrontábanse a esa idea de Estado Nación. Pero un século despois o contexto de loita social cambiou. Estamos na era da globlización, onde parece que o modelo de Estado Nación está en crise. Da Revolución Industrial, que estivo no centro da loita social durante tanto tempo, pasamos a era da Revolución Tecnolóxica Informacional, que parece traer consigo oportunidades de desenvolvemento das liberdades individuais, máis que un retroceso das mesmas. Ademais, esta revolución tecnolóxica só pode ser asumida por unha sociedade informada e autónoma do Estado (non como noutros tempos). Os Estados Nación (nivel nacional) están en claro retroceso fronte a unha Economía Global (nivel internacional). Entre estes dous polos atópase o individuo que non lle quedou outra que atrincherarse no local (no local e no individual, base da ideoloxía anarquista dende sempre). A xente deixou de crer na política e nos políticos (polo menos nesta política). Os Estados disólvense como unidades de organización e control. Fronte a eles aparece o Sistema Económico como verdadeiro organizador de todo. O Estado Nación é sustituido por Cidades Estado que xestionan os intercambios entre os territorios. Xa non existe a imaxe típica do Marxismo de xigantescas fabricas e xigantescas burocracias, senón que cada vez máis a economía funciona a partir de redes. Nestas redes non só reside a esencia do actual sistema, senón tamén a semente da resistencia contra os seus abusos.
Precisamente é neste punto no que as novas tecnoloxías son un aliado do novo anarquismo, máis que do tradicional marxismo. As novas tecnoloxías permiten unha organización social autónoma a partires de persoas e grupos afíns, debatendo, votando e xestionando a través unha rede interactiva de comunicación. Parece como se as pautas de comportamento anarquistas deixaran de ser utopía e se converteran en ideoloxía. A utopía e un soño, mentres que a ideoloxía é un vehículo de loita social. As condicións do mundo cambiaron, xa non só as condicións tecnolóxicas, senón tamén grado de control dos Estados sobre as sociedades. A busqueda da liberdade como ben supremo parece estar aí, encontrando na nova sociedade da información é comunicación un instrumento de loita. Parece que corren novos tempos para a resistencia ideolóxica.
