A CULTURA HACKER E O DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO: LIBERDADE E COLABORACIÓN

lunes, 4 de mayo de 2009
Moitas veces oímos falar nas noticias da figura do hacker (ou pirata informático), como unha especie de ciberterrorista dedicado a entrar nos nosos ordenadores na busca de información que lle poda servir para conseguir algún beneficio económico. Pero esta imaxe publica dista moito do que en verdade son os hackers. Simplemente son persoas con coñecementos técnicos informáticos, cuxa paixón e inventar programas e desenvolver novas formas de procesar a información e a comunicación electrónica (o seu valor supremo e a innovación tecnolóxica informática). Para levar a cabo esta labor basean a súa cultura en dous pilares básicos que son a “liberdade” de acceso a rede, a codigos fonte…, e o “espírito de colaboración” e xenerosidade con outros hackers. Precisamente estes dous principios son os que os levan a loitar contra o control que os gobernos e determinadas corporacións establecen ao tráfico na rede.

Para os hackers non pode existir ningún tipo de barreira a extensión universal dos coñecementos e a creación tecnolóxica. Para eles o coñecemento é universal, polo que non pode ser comercializado; e se é comercializado, as redes de colaboración da creación tecnolóxica que deron lugar a innovación deben manterse abertas, cooperativas e baseadas na reprocidade.

Esta nova cultura baséase nas redes de colaboración en Internet, e seguen unha organización xerárquica en función dos aportes de cada persoa á innovación informática (creadores do programa orixinal, mantedores e contribuidores). Así, para a comunidade hacker, sempre estarán por riba doutras persoas as figuras de Linus Torvalds (creador do LINUX) ou Richard Stallman (veterano programador do MIT e activo defensor do libre acceso aos códigos fontes dos programas e do Copy Left). Temos que ser conscientes de que a maioría das innovacións informáticas dos últimos anos proveñen de persoas que pertencen, ou algunha vez pertenceron, á chamada comunidade hacker. Os protocolos de Internet, o Correo Electrónico (Ralph Tomlinson), o sistema UNIX, o Modem, chats e outras aplicacións que vertebran o Internet foron creadas por hackers. De aí a importancia deste colectivo no que entendemos hoxe en día por progreso tecnolóxico.

Pero dentro de esta comunidade baseada na colaboración e na liberdade, tamén aparecen puntos negros. Seguramente o máis claro sexa o dos crackers, que teñen por obxectivo penetrar en ordenadores alleos para robar información. Estes si que serían criminais cibernéticos, e como tal soen ser deslexitimados pola comunidade hacker. A maioría deles carecen de coñecementos informáticos e non xeran ningunha innovación, polo que non contribúen en nada ao progreso técnico.

Moitos gobernos baseándose na vulnerabilidade de internet (inculpando aos hackers das acción de algúns crakers) están impoñendo unha serie de medidas que están a reducir a liberdade de acceso das persoas a Internet, e polo tanto tamén están a eliminar unha das bases da cultura hacker e do progreso tecnolóxico moderno. Como pretexto de aumentar a seguridade en Internet moitos gobernos e corporación a realizar un importante control sobre a libre comunicación. É dicir, trasladase a Internet o vello debate sobre seguridade e liberdade.

Actualmente gran parte de este debate céntrase en se a seguridade en internet debe provir dunha regulación institucional (a medida que están a aplicar os gobernos) ou se debe pasar por unha protección dos sistemas individuais (como desexaría a comunidade hacker). Se nos fixamos na realidade actual, vemos como importantes institucións gobernamentais como o Pentágono a CIA, os bancos suízos… posúen potentes sistemas de encriptación da información, difíciles de vulnerar ata polos máis experimentados hackers. A pregunta é: porque os gobernos non comparten esta tecnoloxía entre todos os usuarios de Internet para mellorar a seguridade global da rede? Acaso é que lles interesa ter acceso instantáneo aos nosos ordenadores na vez de brindarnos as ferramentas para realizar unha protección eficaz dos nosos equipos.

En última instancia, a pregunta que debemos facernos é ata que punto limitar un acceso universal a Internet e as innovacións informáticas é bo para o progreso tecnolóxico e social da sociedade. Non pode ser que as regulacións gobernamentais sobre o acceso a rede estean a eliminar o último eslavón da creatividade e liberdade na creación que constitúen os hackers. Na miña opinión, Internet desenvolveuse como unha rede de libre acceso, polo que calquera tentativa de eliminar ese espírito de colaboración e liberdade non ten ningún sentido. A liberdade é o valor máis importante en calquera comunidade, por riba incluso dunha suposta seguridade. Os anos dirán se camiñamos cara un modelo similar ao do Gran Irmán de Orwell, ou se máis ben camiñamos cara a sociedade da colaboración e da liberdade.

AS TIC NO MARKETING DOS TERRITORIOS. O CASO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA: ÉXITO OU FRACASO?

viernes, 24 de abril de 2009
As TIC’s e a cultura audiovisual ofrece nos nosos tempos unha boa oportunidade para publicitar as bondades dunha cidade. Trátase dun novo marketing urbano que emprega estas novas ferramentas como instrumento para difundir os bens culturais, históricos, artísticos, paisaxísticos… da cidade.

Neste contexto, a cultura tómase cada vez máis como un recurso económico (bens culturais son entendidos como bens económicos) que permite atraer turistas, e polo tanto fomentar o desenvolvemento económico da cidade destino destes fluxos. A relación entre cultura e economía é cada vez máis importante, e isto a Internet non lle é alleo. O marketing cultural pretende promover un determinado territorio, satisfacendo as demandas dos cidadáns, turistas e inversores potenciais, intentando de xerar beneficios e vantaxes para a poboación local. Atopámonos ante a administración empresarial do conxunto de coñecementos científicos, literarios, artísticos e económicos dun territorio.

En todo este proceso de promoción da cultura dunha cidade, o papel desenvolto polas TIC’s é importantísimo. Se noutros tempos Internet foi un elemento de comunicación militar, máis tarde científica e posteriormente económica, actualmente cada vez máis é un vehículo de comunicación cultural. De todos xeitos, este marketing cultural vía Internet non está libre de problemáticas e críticas. Moitos pensan que esta vertente cultural de Internet, máis que unha forma de difusión cultural, é unha imposición política-ideolóxica dos planificadores políticos. Outra critica feita a este marketing urbano é limitación de acceso só a unha minoría privilexiada dentro da poboación mundial, quedando fora aquelas áreas máis pobres (discriminación tecnolóxica), o que fai de Internet unha ferramenta útil aínda que non universal.

Sexa como sexa, Internet hoxe en día é unha porta aberta que permite acceder a información e entre ela á cultural desde calquera sitio sen ter en conta as barreiras físicas e xeográficas. Está difusión do patrimonio cultural dun territorio actualmente é de suma importancia para a atracción de recursos económicos, tecnolóxicos, financeiros e humanos.

Dentro desta visión de promoción vía Internet das cidades como podemos valorar a posición de Santiago de Compostela? A imaxe de Santiago está moi ligada ao seu patrimonio histórico, ademais da tradición do Camiño de Santiago e da Universidade. Isto fai de Santiago unha cidade cun patrimonio histórico-cultural explotable dende o punto de vista turístico, o que aporta uns 10 millóns de turistas nos Anos Santos. Se tradicionalmente a imaxe de Santiago estivo vinculada a relixión e a Universidade, dende as institucións políticas, cada vez máis, estase a fomentar a idea de Santiago como Capital Cultural, co obxectivo básico de seguir atraendo turistas.

A consecuencia é que a política de conservación e rehabilitación do Concello esta enfocada a esta idea de promoción cultural de Santiago. Esta política esta desenvolta polo Consorcio no que interveñen as tres grandes institución territoriais con intereses en Compostela (Estado, Autonomía e Concello). Deste xeito, Santiago nos últimos anos foi dotada de infraestruturas (periférico, aeroporto, Palacio de Congresos, Museo de Arte Contemporáneo, proxecto da Cidade da Cultura…). Tamén se realizou unha importante labor de creación de novos edificios e espazos deseñados por importantes arquitectos (Facultade de Xornalismo, Auditorio de Galicia, CGAC, Cidade da Cultura…), á vez que se prestou moita atención a rehabilitación dos edificios emblemáticos da cidade (Catedral e Zona Vella). Todo isto tivo por obxectivo xerar unha idea de Santiago como cidade onde convive o antigo e a tradición coa modernidade (imaxe explotada nas comunicacións publicitarias da cidade).

Pero parece que en toda esta imaxe cara ao exterior de Santiago existen partes da cidade esquecidas como o Ensanche, areas rurais metropolitanas, barrios periféricos… Estas zonas parece que se tratan de ocultar ao potencial turista e que polo tanto tamén son apartadas de calquera inversión en mellora e acondicionamento. Na imaxe de marca de Santiago como cidade cultural, cosmopolita, aberta, universitaria, moderna e contemporánea, onde convive a tradición coa modernidade, non encaixa nin o rural nin a periferia, que quedan aillados do desenvolvemento económico que pode chegar a traer consigo o turismo. É como se os fluxos turísticos , e polo tanto tamén económicos, que Santiago capta do exterior, non se traducen nun crecemento homoxéneo en todas as partes da cidade. De igual modo, a imaxe cultural de Santiago (arte, edificios, museos, Camiño de Santiago…) tamén deixa de lado a captación de intereses económico-industrial e o educativo (sobre todo tendo en conta a tradición da USC).

Cal e a consecuencia de crear unha imaxe de marca que esquece partes importantes para o crecemento da cidade? Pois que a pesar de ser unha das cidades de España que máis fluxos turísticos capta, Santiago segue tendo unha bolsa de paro continua similar a outros concellos Galegos de similares características, pero que non teñen nin de lonxe a cantidade de turistas de Santiago.

Esta claro que publicitar un territorio pode xerar importantes beneficios para a cidade que realiza dita promoción, pero é importante deseñar campañas de maneira equilibrada, para que o crecemento que poidan xerar os fluxos económicos da promoción se transmitan de maneira homoxénea entre todas as capas da cidade, xerando un crecemento equilibrado para a cidade e os seus cidadáns.

WIKINOMICS: A NOVA ECONOMÍA DAS MULTITUDES INTELIXENTES

lunes, 20 de abril de 2009
Cambiando un pouco de temática, gustaríame falar dun libro que lin fai un tempo e que penso que polas cousas que di podería ser interesante falar un pouco del.

En concreto refírome a "Wikinomics: A nova economía das multitudes intelixentes" de Don Tapscott e Anthony D. Williams. O libro presenta un novo paradigma (wikinomía) tanto nas relacións económicas, como na colaboración entre os grupos humanos. Os autores presentan un novo modelo económico que vai máis ala dos criterios xerárquicos de mando tradicionais, onde todo o mundo está subordinado a outra persoa. A aparición das novas tecnoloxías da comunicación e da información impulsan a aparición de novos modelos de produción baseados na comunidade, na colaboración e na autoorganización. Parece que esta nova maneira de entender as relacións dentro das empresas pode xerar máis beneficios que manter un control férreo dos traballadores, clientes, provedores... Estes beneficios pasan por crear compañías inmersos en procesos continuos de mellora, redución de custos, actualización de datos sobre os consumidores...

O libro parte dun estudio previo realizado polos autores. Este estudio os levou a estar en contacto cun gran numero de persoas que aplicaron nos seus proxectos a vertente colaborativa que as novas tecnoloxías poden aportar. A conclusión é que hoxe miles de millóns de persoas traballando en liña poden participar na innovación, a creación de riqueza e o desenvolvemento social dun modo imposible noutras épocas anteriores. Esta colaboración global produce avances en aspectos moi diferentes como as artes, cultura, ciencia, educación, goberno e na propia economía.

Aspectos como o software libre, gobernanza 2.0, prosumidores (consumidores que participan na creación dos produtos finais), redes sociais... son temas que temos que ter presentes de hoxe en diante, xa que supoñen unha nova forma de entender as relacións interpersoas e polo tanto o funcionamento da economía. Exemplos de este novo paradigma hai moitos. O libro cita algúns como os casos como os de Youtube, Myspace, Wikipedia, Google, Flickr, Linux, Boeing, BMW, Procter & Gamble, Proyecto Genoma Humano..., nos que as empresas ábrense e entran a formar parte de redes sociais (con traballadores, usuarios, competidores, provedores...), establecendo estruturas de negocio baseadas en esquemas “bottom-up” en lugar do clásico “top-down”. As empresas democratízanse e tod@s os seus traballadores teñen algo que dicir na marcha da empresa. O resultado é un entorno baseado na transparencia da información, compartir os resultados das investigación e permitir a apropiación colectiva dos resultados. De feito, os autores resumen os principios de wikinomics en 4 puntos:

1. Apertura (being open)
2. Interación entre iguais (peering)
3. Compartir (sharing)
4. Actuar globalmente (acting globally)

A época do secretismo e hermetismo dentro das empresas parece que está rematando. Moitas empresas traballan en base a licencias abertas, sendo o máximo activo do seu negocio a capacidade de mellora do produto conseguida en base a colaboración en rede con clientes, traballadores, provedores... A pesar de que os autores tamén critican algúns aspectos destas empresas de nova xeración, deixan claro que estamos ante un novo sistema produtivo e polo tanto ante un cambio importante no modo de entender as relacións económicas.

Na miña opinión, o libro constitúese nunha excelente lectura para os que pensamos que poden existir outras maneiras máis participativas de facer as cousas. Casos de éxito existen, aínda que tamén coñecidos fracasos. Quen sabe se dentro duns anos as relacións económicas e produtivas van seguir o esquema proposto por estes autores. Mellor coñecelo o antes posible, non creedes???

A CIDADE DA CULTURA: O FUTURO DA CIDADE?

viernes, 17 de abril de 2009
Outra entrada máis e outra entrada dedicada a Santiago de Compostela.

Para @s que vivimos en Santiago o tema da Cidade da Cultura non nós é algo axeno. Tod@s sabemos o que estamos a facer no monte Gaias, pero pouc@s saben cal é o obxectivo final de esa megaconstrución. Se fixésemos unha enquisa entre os cidadáns de Santiago seguramente a opinión que teríamos de este proxecto faraónico non sería moi bo. Pero como din "para gustos hai cores" e parece que a visión que sobre a cidade da cultura varia se saímos das nosas fronteiras

Déixovos un documental sobre a Cidade da Cultura, realizado por Discovery Chanel dentro do programa Mega-construcciones de Danny Foster. Polo menos este video podemos aportar unha visión diferente do que pode chegar a significar a Cidade da Cultura. Aí tedes a primeira parte do documental e os enlaces ás seguintes partes.

Será certo iso de que a Cidade da Cultura pode supor un empurrón a unha das zonas máis deprimidas de Europa ou vaise quedar nunha vergoña custosa ??? Todo dependerá de que o proxecto teña un contido detrás dunha bonita forma arquitectónica. O tempo dirá.

A PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Moitos falan das marabillas da cidade de Santiago de Compostela. Incluso a cidade aparece dentro dos rankings de cidades con mellor calidade de vida. Pero, cal e o futuro que nos espera ás persoas que temos o pracer de gozar desta histórica cidade.

Seguindo co tema da planificación estratéxica das cidades, podemos preguntarnos que se está a facer en Santiago respecto a este tema. Tradicionalmente a planificación urbana de Santiago foi marcada dende as Institucións Públicas, as cales parece que tiveron clara a visión da cidade que querían acadar. Neste sentido xogou un papel moi destacado a figura de Xerardo Estevez, como o alcade/arquitecto que estableceu un proxecto de cidade do cal aínda estamos a ver os resultados. Neste senso poucas son as críticas que podemos facer á planificación urbana de Santiago nos últimos anos. De todos xeitos, os acertos pasados non son seguro de acertos futuros, algo a ter moi en conta cando falamos de políticos.

Pero ata que punto deixar a planificación en mans de intereses políticos é bo para o desenvolvemento da cidade? As institucións políticas ao fin e ao cabo teñen como obxectivo manterse no cargo que ocupan, polo que nas súas decisións sobre a cidade poden estar sesgadas por esta interese electoralista. Ademais estar desempeñando un cargo público non asegura coñecer os problemas reais da cidade. Por estas razóns e outras máis é polo que naceu o concepto de planificación estratéxica, como un modelo de planificación no que o futuro da cidade é decidido por tod@s os axentes implicados na vida da cidade.

Como tal, Santiago non ten un Plan Estratéxico definitivo. Nos últimos anos estívose traballando na elaboración dun plan estratéxico como os que se están a realizar noutras cidades. De todas formas o caso de Santiago é complicado xa que o crecemento da cidade esta moi ligado a aspectos que se escapan das atribucións do Concello (o turismo do Xacobeo, as Universidades, as administración da Xunta, a Igrexa…). De este xeito vemos como as veces tómanse decisións importantes para a cidade sen ter en conta as necesidades da cidade, máis ben respondendo a intereses partidistas (p.ex. A Cidade da Cultura).

Pese a todo, o Concello impulsou a elaboración dun Plan Estratéxico. O plan articulase ao redor de seis liñas estratéxicas e, dependendo de cada unha delas, cinco ou seis obxectivos. Todo isto en torno a un obxectivo central, que aposta por "facer de Compostela a porta de Galicia dinámica e innovadora; unha cidade aberta, de encontro, cun horizonte de desenvolvemento continuado e sostible, capaz de aportar á Capital de Galicia unha base económica sólida, diversificada e competitiva". Tamén creouse a figura dunha Comisión de Dirección do Plan Estratéxico como elemento coordinador de todo o proceso de elaboración do plan.

Estas accións do Concello en certa medida poden ser un bo comezo cara unha verdadeira planificación estratéxica do crecemento de Santiago de Compostela. Pero a pregunta que nos deberíamos facer é ata que punto está é un compromiso de futuro con Santiago ou se só é unha forma de non quedarse descolgado de outras cidades de España e Galicia que están iniciando os procesos de planificación estratéxica dos seus territorios

Sexa o que sexa o veremos nun futuro non moi largo. Esperemos que todo o que se traballe por parte dos axentes da cidade teña como resultado acadar unha cidade adaptada as necesidades de to@s cidadáns, fora de calquera partidismo ou interese individual.

QUE É UN PLAN ESTRATÉXICO PARA UNHA CIDADE?

miércoles, 15 de abril de 2009
Para calquera cidade que nos imaxinemos, a pregunta que podemos facer aos seus cidadáns é cal é a cidade que realmente queren? Este é o problema que dende fai moitos anos trata de resolver a planificación urbana. Pero nas últimas décadas apareceu o concepto de planificación estratéxica, que supón un cambio radical na forma na que ata o momento se estivo a desenvolver o crecemento urbano.

Un plan estratéxico para un territorio o podemos definir como a transposición ao urbanismo dos criterios do mundo empresarial (operativización, obxectivos, deseño…) que a súa vez están inspirados na estratexia militar.

Vivimos nun mundo no que a competencia entre as cidades por cidadáns, turistas empresas… é cada vez maior. Polo tanto a planificación urbanística tradicional, que sempre vai detrás dos acontecementos, non ten sentido neste contexto. As cidades débense anticipar aos cambios no entorno se queren crecer e chegar a ocupar unha posición destacada nun determinado territorio. Ao mesmo tempo temos que ser conscientes de que actualmente as cidades teñen problemas que van máis ala dos problemas de espazo tradicionais (problemas sociais, económicos…).

Nesta novo contexto aparece o concepto de planificación estratexica, como un intento de chegar a un acordo entre todos os actores da cidade para planificar un crecemento equilibrado acorde non só co espazo físico senón coas relacción sociais existentes, co respeto ao medio natural, cos lazos economicos existentes… Para isto a planifcación debe nacer de todos os membros involucrados no crecemento da cidade e non só dos planificadores urbanos tradicionais, e dicir, das autoridades politicas de cada cidade. Por todo isto, a planificación estratexica supón entender o crecemento da cidade dunha maneira máis democrática e participativa, lonxe de intereses partidistas e electoralistas.

Historicamente a Planificación Estratéxica nace na cidade de París no 1971, sendo a década dos 80 o período de maior florecemento de este tipo de plans. En España a primeira cidade que presenta un plan estratéxico é Barcelona (1989) en vista a organización dos Xogos Olimpicos do 92.

Calquera plan estratéxico que atopemos tratará de dar resposta a 3 tipo de interrogantes:

  • A crise da ciudade produtora (reconversión industrial, tercerización da economía…)
  • O deterioro da calidade ambiental e da vida urbana
  • A globalización da economía

Sexa cal sexa o tamaño da cidade ou territorio para o que esteamos elaborando un plan estratéxico a elaboración do mesmo supón un proceso de elaboración custoso e laborioso, xa que o plan debe nacer do acordo de todos os membros da cidade.

A pregunta que nos podemos facer é como se elabora un plan estratéxico? Esquematicamente podemos identificar as seguintes fases:

1. Antecedentes (Formulación do Plan): Esta fase supón un preacordo sobre obxectivos e finalidades perseguidos polos diferentes axentes implicados (asociacións de veciños, asociacións de comerciantes, empresarios, partidos politicos, ONG’s…). Isto supón a determinación dunha estrutura organizativa e de funcionamento previa.

2. Primeira fase (Diagnóstico): Esta fase consistiría na análise da situación de partida da cidade mediante un DAFO, ferramenta tomada prestada da ciencia empresarial.

3. Segunda fase (Estratexias): Establécense obxectivos xenerais para a cidade a medio e longo prazo para posteriormente definir as liñas estratéxicas e de actuación a seguir para alcanzar eses obxectivos

4. Terceira fase (Actuacións): Sería a fase de execución do plan propiamente dito. No seu transcurso hai facer labores de seguimento e avaliación.

As propostas dun plan estratéxico deben xirar en torno a tres eixes básicos:

  • Geoestratéxico: Propostas que melloren a posición dunha cidade dentro dun territorio
  • Rehabilitación da economia urbana: O obxetivo é e mellorar a competividade da cidade mediante o desenvolvemento daqueles sectores que supoñan un alto valor engadido, escasa contaminación e elevada cualificación humana
  • Mellora da calidade de vida urbana
  • Cidade como centro cultural, de ocio e turismo: Trata de explotar os recursos culturais, de ocio e turismo que poden facer competitiva a cidade.