
Concretamente estamos a falar do gran traballo que fixo a sociedade irlandesa na introdución das TIC en todo o seu territorio, que lle fixo converterse na area europea onde existe unha maior implantación das TIC. Seguindo o artigo de Xosé Carlos Macía Arce titulado “ La Sociedad de la Información en Irlanda a través del análisis de experiencias TIC en los condados de Clare, Cork, Kerry, Limerick, Offaly y Tipperary” imos a centrarnos en ver 3 exemplos da labor dos organismos públicos e privados na introdución das TIC en espazos rurais e urbanos do seu territorio. Concretamente comentaremos os casos de Ennis, a rexión de Shanon e do Northside de Cork.
1. ENNIS: A experiencia do Information Age Town
A experiencia desta vila comeza en 1996 cando Telecom Eireann (empresa de telecomunicacións Irlandesa) convoca o concurso a nivel nacional do Information Age Town. Esta iniciativa dotada con 19 millóns de premio pretendía introducir de forma intensiva as TIC nunha comunidade, observar o uso da mesma por parte da poboación e comprobar o nivel de desenvolvemento económico e social alcanzado como consecuencia de dita iniciativa.
O pobo elixido foi Ennis situado no condado de Clare. Este pobo caracterizado pola porcentaxe tan elevada de xente nova na súa estrutura (o 70% da súa poboación estaba por debaixo dos 45 anos) e co maior crecemento económico no contexto nacional,converteuse en pouco tempo no pobo de Irlanda máis informatizado, un 80% da súa poboación usuaria de Internet.
Durante 5 anos desenvolvéronse en Ennis unha serie de proxectos relacionados coas TIC en beneficio da comunidade, que afectaban tanto a poboación da cidade, as administración públicas e as empresas privadas. Deste xeito desenvolvéronse 8 unidades de traballo cada unha cun obxectivo. Estas unidades de traballo foron:
- Programa Residentes: O obxectivo era o de concienciar á poboación local da importancia das TIC e formalos no seu uso. Tamén se concederon facilidades aos cidadáns na compra de ordenadores, adquisición de software e conexión telefónica a Internet.
- Programa Negocios: Tratou de concienciar ao tecido empresarial e comercial da cidade das oportunidades das TIC. Deste xeito subvencionouse a compra de software e hardware, deuse información, consellos e consultoría TIC, realizouse formación en novas tecnoloxías… Como resultado en Agosto do 2000 había 43 empresas inscritas neste programa.
- Programa Comunidade: O que priorizaba era a participación activa, o traballo de cooperación en rede e a inclusión social dos cidadáns a través das TIC. Participaron máis de 100 organizacións comunitarias e de voluntariado as cales puideron aplicar as TIC no seu traballo diario na comunidade.
- Programa Educación: Tratou de incluír as TIC nos procesos formativos que se daban dentro da cidade de Ennis, empregando as TIC como ferramentas fundamentais da formación diaria.
- Programa Sector Público: Levou as TIC aos procesos de xestión e de traballo da Administración Pública de Ennis, co obxetivo de facer os tramites dos cidadáns coa Administración máis efectivos, regulares e interactivos.
- Programa Nova Industria: O obxectivo era promocionar Ennis como un lugar ideal para a localización de industrias relacionadas coas novas tecnoloxías.
- Programa Experiencias Tecnolóxicas: Tratou de converter a Ennis nun centro de referencia onde levar a cabo experiencias relacionadas coas TIC.
- Programa Internet: Creouse a web www.ennis.ie que pretendeu ser o centro de referencia e punto de encontro de toda a comunidade de Ennis. Tratou de ser o resumo de todos os proxectos emprendidos ademais de ser a mellor publicidade do cambio iniciado na vila.
2. REXIÓN DE SHANON: Proxecto de localización de empresas tecnolóxicas.
Na rexión de Shanon, caracterizada por ter un sector empresarial moi dinámico, emprendeuse unha iniciativa que pretendía fomentar a instalación de empresas de alta tecnoloxía en dita rexión (que comprendía distintos condados do medio oeste do irlandés).
O proxecto foi levado a cabo polo Shanon Development (institución dedicada ao desenvolvemento rexional e económico). Esta iniciativa fixo que se instalaran grandes compañías informáticas como Intel o Dell. O Shanon Development soubo aproveitar as sinerxias de programas de desenvolvemento das TIC no territorio como foi o Programa Nova Industria do Information Age Town de Ennis.
Paralelamente tamén se melloraron as infraestruturas da información existentes. Deste xeito creáronse unha serie de parques tecnolóxicos por toda a rexión, conectando a través da fibra óptica de gran capacidade estes nodos tecnolóxicos cos centros educativos superiores.
A difusión deste programa non só se fixo en Irlanda senón que tamén se estableceron oficinas permanentes de información noutros países como USA (New York e California). Ademais tamén se contou coa difusión a través do portal www.shanon-dev.ie .
3. NORTHSIDE CORK: A cultura popular irlandesa en Internet
En 1996 unha iniciativa conxunta dunha serie de institución educativas, etnolóxicas e históricas da localidade de Cork (máis concretamente do Northside of Cork), uníronse para recoller, expoñer e arquivar dixitalmente material audiovisual, sonoro, fotográfico, físico e virtual do Northside de Cork, un area tradicionalmente pobre da cidade de Cork. O programa tivo dúas vertentes. Por unha parte recoller material para enriquecer o arquivo histórico e etnográfico de Cork. Pero por outra parte tivo unha labor de acción social, xa que o programa contou co traballo de equipos de voluntarios e empregados da comunidade local, especialmente procedentes de colectivos marxinados polo mercado laboral.
O proxecto xuntou nunha mesma iniciativa o desenvolvemento social e económico da sociedade local, a cultura popular e a utilización das TIC.
Con estes tres exemplos de programas relacionados co uso das TIC vemos como Irlanda soubo camiñar cara posicións máis avanzadas que favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio. Algo importante que se observa nestes exemplos de iniciativas TIC é a importancia que teñen no seu desenvolvemento o traballo participativo e colaborativo de todos os estamentos da sociedade civil. Estes programas de acción e outros moitos supuxeron que Irlanda pasara de ser unha das rexións máis deprimidas da UE, a encabezar todas as estatísticas de desenvolvemento económico da eurorexión.
Fonte: Macía Arce, X.C. (2007): "La Sociedad de la Información en Irlanda a través del análisis de experiencias TIC en los condados de Clare, Cork, Kerry, Limerick, Offaly y Tipperary”, Aurora Geography Journal, Nº1, páx. 109-121.
2 comentarios:
Por que non podemos pensar en proxectos semellantes en Galicia? non temos emprendedores? ou será que estamos todos moi ocupados? a saber con que? E os nosos políticos non podían viaxar un pouquiño? Parabéns polo blog, moi interesante...
Emprendedores galegos hainos e moi bos. O problema é que Galicia e Irlanda a pesar de partir dunha historia pasada moi parecida, nas ultimas decadas os camiños de ambos pobos alonxaronse. En Irlanda creouse un entorno que permitiu a entrada de compañías especializadas en tecnoloxía, xa que crearon as condicións necesarias para a súa implantación. Este foi o modelo polo que apostou Irlanda.
En cambio, cal é o modelo polo que apostou Galicia??? Difícil pregunta. Creo que a planificación en Galicia foi moi deficiente e parte do noso atraso histórico débese a esta falta de planificación. Aínda así temos cousas moi positivas nas que centrarnos e que poden ser o xermolo dun novo rexurdir da nosa cultura e economía. Este é un traballo de tod@s, tanto de politicos como dos cidadáns. Creo que máis que nunca as condicións necesarias para este despegue están presentes, só hai que empregalas.
Publicar un comentario